«Rodea o Concello» de Poio contra a subida do IBI e a estafa política dos 3 Alcaldes

O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, compareceu este mediodía na praza do Mosteiro de Poio xunto a membros do grupo municipal, para anunciar que o próximo domingo, día 26 de xaneiro, ás 13.00 horas, os veciños de Poio volveran formar unha cadea humana ao redor da casa consistorial para protestar pola subida do IBI e outros impostos a todos os fogares de Poio, realizada voluntariamente polo goberno local, e contra o que Moldes cualificou como «estafa política dos 3 Alcaldes».

Presentación de «Rodea o Concello»

Moldes explicou que durante estes meses, moitos veciños achegáronse aos membros do grupo municipal para preguntarlles de que maneira podían facer chegar o seu descontento pola actuación do goberno de Nito Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz, un descontento que chegou ao seu punto álxido nas últimas semanas ao coñecerse polo BOE, que os 3 alcaldes solicitaron, xa no pasado verán, unha actualización dos valores catastrais que suporá a subida do IBI e outros impostos a todos os veciños, e que pediron «voluntariamente e de costas ás familias de Poio despois de enganalas sistematicamente durante anos».

O voceiro popular subliñou que, a diferenza da anterior revisión castastral, que afectou a centos de familias e que supuxo case un millón de euros de recadación extra para o goberno municipal, esta vez, a subida «aféctanos a todos», xa que a práctica totalidade da veciñanza de Poio verá incrementado o seu recibo da contribución.

Moldes destacou que o PP «comportouse cun respecto e responsabilidade absolutas, e usando todas as ferramentas políticas ao noso alcance», xa que pediron explicación en comisións, plenos, e mesmo solicitaron un pleno extraordinario para que os 3 Alcaldes tivesen a oportunidade de dar marcha atrás a esta subida, pero finalmente BNG, PSOE e Avante Poio continúan coa súa “estafa política á veciñanza”.

«Por que falamos de estafa política?», indicou Moldes, e explicou que o goberno local non fixo outra cousa que enganar á veciñanza durante os últimos meses: «Os 3 Alcaldes están actuando en dirección contraria á vontade política dos veciños de Poio e mesmo do que eles prometeron durante a campaña, e o que anunciaron no seu pacto de goberno».

«ENGANARON A TODOS OS VECIÑOS, Á MAIORÍA QUE VOTOU POLO PP PERO TAMÉN AOS QUE VOTARON BNG, PSOE OU AVANTE»

Moldes recordou que nas últimas eleccións municipais, «o programa que máis respaldo tivo foi o do PP, que propoñía unha baixada de impostos, unha mellora dos servizos e unha aposta pola transparencia», e os 3 Alcaldes están facendo todo o contrario, polo que cando rexeitan estas medidas «non están rexeitando medidas do Partido Popular, senón que lle están dicindo «non» ao que votaron os veciños de Poio».

Pero ademais o voceiro popular recordou que tamén están defraudando a moita xente que, lexitimamente, confiou nas promesas do BNG, do PSOE ou de Avante Poio. Moldes puxo de exemplo a “estafa” do BNG, que presentou uns orzamentos anunciando unha “conxelación” dos impostos, «e agora descubrimos que meses antes xa lle pediran ao goberno central que se lles subise o IBI e outros impostos a todos os veciños de Poio»

«O mesmo pasa coas persoas que votaron por Avante Poio pensando que Silvia Díaz ía cambiar algo no concello e que dicía a verdade cando falaba de rexeneración e transparencia», subliñou Moldes: «Todas esas persoas deben de sentirse estafadas cando o Concello de Poio é menos transparente que nunca e os 3 Alcaldes fixeron unha subida de impostos sen sequera dar conta aos veciños nin aos outros partidos, nin pasar por unha comisión ou polo pleno, e nos enteramos polo BOE meses despois».

«Cando Silvia Díaz prometía participación da veciñanza, referíase a poñer un pleno extraordinario ás 9:15 da mañá para que non poidan ir os veciños?», preguntou Moldes, que convidou a toda a veciñanza, tamén aos que votaron BNG, PSOE ou Avante Poio, recalcou que «é unha estafa política en toda regla para todos os que votaron a estes partidos pensando que ían ter un alcalde ou unha alcaldesa que se preocupase polos veciños e ao final o que hai son 3 alcaldes que só se preocupan de cobrar e subirse as nominas un 15%»

Moldes recordou que en xaneiro do ano pasado, centos de veciños rodearon o Concello, demandando «uns impostos xustos, uns servizos dignos e unha nova forma de facer política no concello de Poiu», unha demanda que ademais viuse refrendada nas urnas, coa victoria folgada do Partido Popular e a baixada dos partidos que apoiaban o goberno «pero parece que non escoitaron a mensaxe alta e clara dos veciños, nin en xaneiro nin en maio, e seguen agachándose da xente e sen escoitalos».

O voceiro popular subliñou que a forma de protestar elixida «e respectuosa e responsable e faise un domingo para non interferir co funcionamento normal do Concello», pero destacou o gran enfado da cidadanía por este sentimento de «estafa política» dos 3 Alcaldes, polo que non descartou que, despois desta mobilización, se continúan sen escoitar as demandas cidadás, se produza unha mobilización moito maior.