O PP critica que o Tripartito copiou a ordenanza de terrazas de Narón, sen ter en conta a idiosincrasia da hostalería de Poio

O Partido Popular critica que a nova ordenanza de terrazas que presenta o Goberno Tripartito é unha copia literal do documento elaborado polo Concello de Narón, polo que dificilmente vai ter en conta a idiosincrasia da hostelería de Poio e resolver os seus problemas.

A popular, Rocío Cochón lamenta que “levan 15 anos anunciando unha ordenanza, e a última hora chegan cunha simple fotocopia dunha ordenanza doutro concello”. Sinala que “é exactamente o mesmo articulado, os mesmos puntos… só cambian algún horario e algunha distancia, pero o demais é unha copia exacta da ordenanza deste concello coruñés”.

Por iso, aos populares parécelles “unha falta de respecto” cara a corporación, pero sobre todo cara os hostaleiros e os veciños, o documento que o Tripartito compartiu coa oposición para analizar. “Esta ordenanza non representa a idiosincrasia de Poio. Recolle problemáticas que existen en Narón, o único que cambiaron foron os horarios, e tampouco recollen a realidade de Poio, obrigando a pechar as terrazas ás 01:30 nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro e o resto de meses ás 23:30, excepto nas noites de venres a sábado e de sábado a domingo, que poden chegar ata as 00:30.

Entenden que “non vale xustificarse con que este é un documento de inicio, porque realmente o que reflicte é que non fixeron absolutamente nada, o único foi cambiar dous horarios e dúas distancias e copiar literalmente a ordenanza do Concello de Narón. Dedicáronse a facer anuncios baleiros durante quince anos e a última hora presentan un documento para que sexamos a oposición do Partido Popular os que o completemos coas nosas achegas”.

Os populares cuestionan que “si fan isto con unha das ordenanzas máis importantes do concello, que se pode esperar deste Tripartito? Unha demostración máis dun goberno esgotado e que improvisa ou directamente copia de outros concellos para saír do paso”.

 

Enlace ao texto do proxecto de Ordenanza de terrazas á disposición dos veciños na web do Concello de Poio:

https://concellopoio.sedelectronica.gal/?x=InTv0t5-3a6G5jU1pBzd0YbiruHGR90jvudJxCEYxWeRzu*P23K09cFPQvcwfpF7HdmHzdQ2tvjOXygsQ3yG7kN3xaJy73seiIXKe05Ygs4fWP6dNx3ybw