O PP pregunta se a Xustiza tamén ditou sentencia sobre a falsa becaria dos 3 Alcaldes

O PP de Poio pedirá explicacións e responsabilidades ao goberno local se se confirma que a sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra contra a Deputación de Pontevedra pola contratación irregular de 38 persoas en distintos órganos provinciais e en concellos inclúe caso da “falsa becaria” contratada irregularmente polo Departamento de Urbanismo entre xullo de 2018 e xuño de 2019.

A concelleira Rocío Cochón recordou que o PP xa denunciara este caso o pasado outono, destapado nunha inspección laboral na que a Dirección Provincial da Seguridade Social atopou unha traballadora en situación irregular. Despois desa inspección, a Seguridade Social obrigou a dar de alta de oficio a esta traballadora, que prestaba os seus servizos sen dar de alta.

 

En outubro do ano pasado, o PP tivo acceso a información do procedemento, que incluía un escrito do sindicato que denunciou a situación explicando que a traballadora prestaba servizos como “falsa becaria”, desenvolvendo funcións administrativas “sen ningún tipo de supervisión” nin a formación esixida e simplemente usando de forma fraudulenta unha bolsa para non ter que contratar nas condicións legais. O sindicato tamén explicou que o importe da falsa beca que percibiu a traballadora non se correspondía co salario dun traballador “legal” que fixese as súas funcións, polo que ademais de non estar dada de alta, cobrou 10.000 euros menos do que lle correspondía.

 

Cochón subliñou que este “atropelo” se prorrogou ata xuño de 2019, é dicir, despois de que tomara posesión o goberno dos 3 Alcaldes, polo que tanto PSOE e BNG -partidos que tamén gobernan a Deputación que impulsou estas prácticas irregulares- como Avante Poio son cómplices e responsables.

 

Hoxe aparece en medios locais e nacionais a noticia da sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra confirmando que a Deputación utilizou e cedeu ilegalmente a Concellos ata 38 falsos becarios mentres vulneraba os seus dereitos laborais.

 

A popular subliñou a dura linguaxe empregada pola maxistrada Aránzazu Fernández na sentenza, e anunciou que nos próximos días pedirá explicacións a Gregorio Agís, portavoz do PSOE e membro da Deputación á que o Xulgado apunta como principal responsable, e solicitará toda a documentación do caso para saber se a contratación desta falsa becaria forma parte da trama de contratacións irregulares da Deputación, e como afecta a Poio a sentenza.

 

Por último, Cochón denunciou a falsidade e a dobre moral de BNG, PSOE e Avante Poio, «que se erixen como únicos defensores dos dereitos dos traballadores e da muller e os xulgados destapan que tiveron unha muller traballadora sen dar de alta e pagándolle 10.000 euros menos. A hipocrisía elevada a máxima potencia».