O PP trasladou ao Concello máis de 100 demandas veciñais durante 2019

Foi o único partido que levou as necesidades dos veciños, e a opción na que confiaron os votantes, fronte a 3 Alcaldes «desconectados da cidadanía»

A concelleira do PP Rocío Cochón resaltou este luns a labor do grupo municipal en comisións e plenos durante 2019, un ano no que os populares formularon máis dun centenar de rogos e preguntas dando traslado ás demandas da veciñanza.

Cochón destacou o amplo abano das solicitudes realizadas polos concelleiros do PP, que levaron asuntos relativos a todas as parroquias e á práctica totalidade dos núcleos do concello ás distintas comisións informativas das que forman parte así como ao pleno.

Infografía con algúns dos máis de 100 rogos e preguntas presentados nas distintas comisións e en pleno durante 2019

O grupo máis numeroso de peticións foron as realizadas na comisión de Urbanismo e as referidas a obras e servizos así como ao estado dos espazos públicos do concello nas distintas parroquias.

Ao longo do ano os populares trasladaron numerosas solicitudes relacionadas con San Salvador, como a escaseza de aparcamento, os fallos de iluminación en distintos puntos da parroquia, os problemas de inseguridade e insalubridade no Pazo Besada, a falta de limpeza e os problemas de mobilidade e accesibilidade na Barca, Porteliña, Lourido, Anafáns ou Andurique, entre outras, así como tamén as denuncias veciñais sobre as “narcoescaleiras” da Caeira ou sobre a situación de inseguridade en Portosanto, entre outras.

 

En San Xoán, os populares levaron a plenos e comisións as denuncias dos veciños pola “chapuza continua” das obras da Seara, pediron o acondicionamento de varios lavadoiros e camiños en Fontenla, San Martiño, Fragamoreira e Campelo, con especial énfase na mobilidade de nenos e maiores. En Combarro trasladáronse as queixas veciñais pola falta de limpeza e acondicionamento en distintos camiños, a falta de aparcamento e o caos circulatorio que provoca na parroquia, e tamén pediron melloras en Cidrás, o Xuviño e Casalvito, ademais de no núcleo e o casco histórico de Combarro.

Os representantes do PP nos plenos e comisións tamén trasladaron varias peticións relativas a Samieira, como a limpeza do miradoiro, ou a limpeza e o acondicionamento de camiños e núcleos e a Raxó, como o mantemento do Centro Cultural Xaime Illa ou distintas melloras na iluminación e a mobilidade no núcleo urbano. Ademais, os populares solicitaron en varias ocasións que o goberno municipal colaborase coa Xunta e cumprise a súa parte en relación ás obras na PO-308 nas dúas parroquias.

Por outra banda, varios rogos e preguntas estiveron referidos a asuntos que afectan a todo o concello, como os relativos á transparencia e ó bo goberno, as irregularidades en distintos procesos de contratación e ás deficiencias nos distintos servizos municipais, así como a falta de accesibilidade nos edificios públicos en todo o concello.

Cochón explicou que a práctica totalidade destas peticións consistiron en comunicar aos órganos municipais as demandas dos veciños despois de reunirse con eles e coñecer as súas problemáticas. Entre as que destacan as peticións –apoiada por pais e nais de alumnos- para que se instalen marquesiñas nas paradas de bus escolar ou o acondicionamento dos camiños que usan os estudantes para trasladarse ao IES de Poio.

Cochón explicou que estas iniciativas foron o resultado «dun traballo constante de patear as rúas e os camiños de Poio, e de estar a carón dos nosos veciños e veciñas, escoitándoos e coñecendo os seus problemas», resaltando que «en 2019 fomos o único partido que levou a voz da veciñanza á casa do Concello», xa que os partidos nos que se sustenta o goberno dos 3 Alcaldes «están completamente desconectados da cidadanía».

Ademais, Cochón subliñou que o PP tamén foi o grupo que presentou máis iniciativas plenarias, con 11 mocións solicitando desde o apoio aos traballadores do sector industriais veciños de Poio, ata medidas pola transparencia e o bo goberno ou a rebaixa de impostos como o IVTM, o IBI ou a taxa de recollida de lixo.

Lamentablemente, explicou Cochón, o ano rematou sen que os 3 Alcaldes atendesen a maioría das peticións veciñais trasladadas polo PP: «Seguen sen proxecto, sen escoitar aos veciños e gobernando a golpe de ocurrencia e polo que len nas redes sociais, máis preocupados de cobrar os soldos que pactaron que de gañar eses cartos co seu traballo».

«O PP é o partido no que confían os veciños de Poio, tamén para mellorar o seu día a día, como demostran as cinco victorias electorais que obtivemos en 2019, especialmente nas eleccións municipais, onde Ángel Moldes foi o candidato máis apoiado para a alcaldia pero un pacto de perdedores fixo que teñamos 3 Alcaldes que os votantes non querían».

«Cando os veciños de Poio teñen un problema acoden a nós, porque confían en nós e tamén porque saben que nos 3 Alcaldes non se pode confiar», explicou Cochón: «Queremos agradecer esa confianza garantindo que en 2020 seguiremos sendo a súa voz e continuaremos levando as súas demandas e necesidades onde faga falta para que sexan escoitadas».